Thursday 02 de May de 2024

Ordes participa na Semana de Prevención de Incendios


A poboación estudantil e a veciñanza tiveron ocasión de participar en charlas, simulacros, prácticas no manexo de extintores e exhibicións. O Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento adiantou a futura posta en marcha dun plan conxuntamente coa Policía Local e a Garda Civil

Durante todo o día de hoxe o centro urbano de Ordes converteuse nun grande espazo dedicado á prevención de incendios. Todo isto debido á Semana de Prevención de Incendios, actividade desenvolvida conxuntamente polo Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e a Fundación Mapfre Ordes.

Dende ben cedo máis de 200 nenos e nenas dos colexios Campomaior e Castelao participaron dun amplo programa de actividades e encontros que arrancou coa presentación a cargo de José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; Honorino Raña, Sarxento-Xefe do parque de Ordes; José Luis Barca e Mauricio Calvo, xerente e suboficial do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña; Juan Cendal, Sarxento da Garda Civil de Ordes; Eduardo Rodríguez, xefe da policía local de Ordes; Gerardo Feijoo, coordinador de parques e Héctor Santos, representante de Mapfre.

Integrantes do Corpo de Bombeiros e Protección Civil de Ordes foron os encargados de conducir as actividades e de mostrar todos os medios e dotacións coas que contan ambos os corpos. O programa tamén incluíu outras actividades, nas que tamén participaron veciños e veciñas, como charlas técnicas sobre os riscos no fogar, autoprotección e prevención, prácticas sobre extincións de incendios en cociñas e campás extractoras, indicacións para o correcto uso dos extintores e recomendacións en caso de accidentes de circulación.

Plan ambicioso
No encontro mantido co alumnado esta mañá anunciouse a posta en marcha dun novo plan de traballo conxunto entre a Garda Civil, a Policía Local e o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento. “Trátase dun programa ambicioso no que se traballará en distintos campos, como a prevención de accidentes domésticos e incendios ou a educación viaria, entre outros”. Por outra banda, Héctor Santos demandou dos menores que “todo o que se dea a coñecer hoxe a través desta xornada se comparta co seu contorno para que máis xente saiba o que hai que facer ante un incendio no fogar”. Como datos relevantes destacou as máis de 3000 intervencións hospitalarias por queimaduras e as preto de 200 mortes rexistradas o ano pasado.